Hematocrítico Ilustrado é a exposición que o Concello da Coruña organiza ao abeiro do Hemato Festi, neste especial momento onde rendemos tributo, no mes do aniversario do seu falecemento, ao inmenso legado como escritor de Miguel Ángel López González, Hematocrítico, resaltando especialmente o seu impacto no ámbito da literatura infantil e o entretemento.
Esta exposición non só celebra o talento dun autor irrepetible, senón que tamén convida (como el fixo) á reflexión sobre o papel fundamental que a literatura e a ilustración desempeñan na formación de pensamentos críticos e creativos na sociedade contemporánea.
Hematocrítico Ilustrado configúrase a través das ilustracións que acompañan as narrativas das súas obras, brindando unha perspectiva única e orixinal sobre o seu labor editorial. Conta cunha singular colección de creacións de destacados ilustradores e ilustradoras que traballaron man con man con Hematocrítico: Alberto Vázquez, Mar Villar, Paco Roca, Eugenia Ábalos, Olga Capdevila, Albert Monteys, Martín Romero, Laura Árbol e Cyntia Hierro, achegando as súas visións creativas para enriquecer o Universo Hematocrítico.
Hematocrítico Ilustrado é unha experiencia visual e lúdica, destinada a un público diverso e amplo:
- A exposición complétase cunha sección dedicada a El Hematocrítico del Arte (o seu primeiro éxito editorial) que reflicte o seu perfil nas redes e blogs da internet, e cun espazo didáctico para os máis pequenos, onde poderán practicar a súa escrita a través de divertidos exercicios.
- Ademais, a mostra está concibida como unha gran “Biblioteca Hemato”, onde os visitantes terán a oportunidade de gozar dos seus enxeñosos contos.