María Lado (Cee, 1979) é escritora, maiormente poeta, aínda que ten publicado tamén novela, relatos, contos para crianzas e textos de teatro. Formou parte do Batallón Literario da Costa da Morte, onde comezou a recitar e publicar, participando en varios títulos do colectivo.
Como poeta publicou “A primeira visión” (1997), “casa atlántica, casa cabaret” (2002), “berlín” (2005), “Nove” (2008), “Amantes” (2011), “oso, mamá, si?” (2015) -que foi escollido Mellor Libro de Poesía na I Gala do Libro Galego-, e “Gramo Stendhal” (2020). Xunto coa actriz Iria Pinheiro escribiu o poemario “Uralita” (2020).
Tamén escribiu guión e varios textos de teatro, dos que destaca “Anatomía dunha serea”, en colaboración con Iria Pinheiro (premio María Casares ao mellor guión), “Pirolíticos” (P.T. Excéntricas) asinado con Lucía Aldao e Clara Gayo e “Monstros” (P.T. Excéntricas) escrito con Lucía Aldao.
O seu interese pola interpretación e a oralidade levárona a experimentar na poesía escénica a través de diferentes proxectos. Foi unha das creadoras do colectivo Poetas da Hostia e, con Lucía Aldao, do dúo Aldaolado. Xuntas publicaron o libro “Ninguén morreu de ler poesía”.