Ledicia Costas Álvarez (Vigo, 1979), é a directora de HematoFesti e foi a compañeira de vida de Hematocrítico.
Ledicia é unha das autoras máis recoñecidas e traducidas da literatura galega con obras en linguas como o persa, o coreano, o italiano ou o búlgaro.
Publicou a súa primeira novela, “Unha estrela no vento”, no ano 2000. Desde entón publicou trinta obras en español e galego que non deixan de reeditarse, tanto de narrativa infantil e xuvenil como adulta e poesía, en Edicións Xerais de Galicia, Anaya, Destino ou Nórdica Libros, entre as editoriais españolas máis relevantes.
No campo da literatura infantil e xuvenil conta con importantes recoñecementos como o Premio Nacional de Literatura Infantil y Juvenil concedido en 2015 polo Ministerio de Cultura pola súa obra “Escarlatina, a cociñeira defunta”.
En dúas ocasións foi merecedora do Premio Merlín de Literatura Infantil e é a única persoa na historia do Premio Lazarillo (o decano da LIX en España) que logrou gañalo en tres ocasións, a última en 2022 con “ A lebre mecánica”.
En 2020 recibiu o Premio da Cultura de Galicia de Creación Literaria sendo a persoa máis nova en recibilo desde a fundación do galardón e en 2023 foi distinguida pola Xunta de Galicia coa Medalla Castelao, que recoñece a valía da súa achega á cultura en toda a súa traxectoria profesional.
No ámbito internacional recibiu recoñecementos coma o premio White Ravens, concedido pola Biblioteca de Múnic ou a inclusión na Lista de Honra de Ibby .
En 2022 regresou á poesía coa obra “Ultraluz”, gañadora do prestixioso XX Premio de Poesía Afundación.
A súa obra para adultos inclúe as novelas “Infamia” (2019), “Golpes de Luz” (2021) e “Pel de cordeiro” (2024)