Iria Misa (Gondomar, 1983) é licenciada en Filoloxía Inglesa pola Universidade de Vigo e profesora de ensino secundario. Como autora deuse a coñecer coa novela “Xa non estou aquí” (Xerais, 2016), que obtivo o Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil. A súa produción está dirixida principalmente ao público infantil- xuvenil e inclúe títulos como “Segredos no Solpor” (Xerais, 2018) ou “Mamá, quero ser Ziggy Stardust” (Xerais 2018), Premio Fervenzas Literarias ao Mellor Libro Infantil dese ano. Con “A cidade do átomo” (Xerais, 2021) gaña o IV Premio Agustín Fernández Paz de Narrativa Infantil e Xuvenil pola Igualdade, obra merecedora tamén do XIX Premio Frei Martín Sarmiento no 2023. Outros títulos da autora son “Unha veciña de película” (Xerais, 2023) e “A excursión a Cans. Unha veciña de película” (Xerais, 2025).