Doutora en Xornalismo pola USC, traballou no sector editorial desde 1998 ata 2016 e desde entón ata agora traballa no ámbito da xestión cultural. Impartiu durante dez anos clases no Máster Universitario “Libro Ilustrado e Animación Audiovisual” da Universidade de Vigo e realizou a súa tese de doutoramento sobre realismo social no álbum ilustrado: “Álbum Testemuño, achegando a realidade ás crianzas”. Especialista en mediación lectora, literatura infantil e álbums ilustrados, imparte cursos de formación para docentes e mediadores, así como obradoiros de escritura e encontros de lectura con alumnado dende infantil ata ESO. Coordina o Salón Internacional do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra e participa en diversos proxectos de xestión cultural relacionados co mundo do libro e da lectura.
No eido da creación literaria, é autora de diversas adaptacións de contos tradicionais para formato álbum ilustrado, con gran éxito e público e traducidos a máis de dez idiomas, entre os que destaca “A casa da mosca fosca” (Kalandraka) e “Corre, corre cabaciña”, “Tres desexos” e “Maruxa” (OQO). En ficción xuvenil publicou as novelas “22 segundos” (Xerais, 2017 ), “Memoria do Silencio” (Xerais, 2019) e “A ladroa da Biblioteca de Meirás” (Xerais 2022), (con estes dous foi finalista do Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil). En 2021 foi galardoada co premio Bibliotecas Escolares como a autora máis lida do ano e a súa obra de narrativa infantil “Neko” (Oqueleo, 2021) recibiu o premio á mellor obra infantil nos Premios Follas Novas. En literatura infantil tamén publicou a novela: “O día que choveron gatos”, finalista do Premio Merlín de Literatura Infantil. No ámbito do teatro escribiu a obra “Os contos do lobicán”, gañadora do Premio Barriga Verde de teatro para monicreques da Axencia Galega das Industrias Culturais. Nun conto, co libro “Matilde” gañou o Premio Matilde Bares á Igualdade.
Dirixe a colección de álbums de ilustradores “Pequena memoria” da editorial Xerais, sobre memoria histórica infantil, na que publicou “A lavandeira de San Simón”, sobre a guerra civil en Galicia, con ilustracións de Bea Gregores. Esta colección recibiu o Premio Follas Novas á Mellor Iniciativa Editorial en 2020. Recentemente publicou o disco “Cando leo”, unha homenaxe ao libro e á lectura con ilustracións de Bea Gregores publicado por Xerais. Con Triqueta editora publicou recentemente os álbums ilustrados Animalfabeto, con ilustracións de Nuria Díaz, “O gran circo de las Palabras” con ilustracións de Fernando Martín e “Sempre infinita. Biografía de Luísa Villalta”, ilustrado por Bea Gregores.
Tamén publicou no ámbito da difusión co libro de entrevistas “Memoria Diversa”, sobre a memoria do colectivo LGBTIQA+ en Galicia, con fotografías de Carme Cerviño, editado por Capicúa para a Deputación Provincial da Coruña, un traballo premiado co Premio Follas Novas ao mellor traballo de Difusión do ano 2023. Actualmente leva a cabo a segunda parte do proxecto, centrado nos movementos LGBTIQA+ na Galicia dos anos 90 e principios do século XXI.
Foi colaboradora literaria no programa “Zig-zag Diario” da TVG e actualmente revisa libros infantís para mozos no Diario Cultural da Radio Galega, e coordina o podcast da Xunta de Galicia sobre libros e bibliotecas “Entreliñas”.